lunes. 16.09.2024
FIC Vía XIV_PODCAST NOS MESMAS 2023_Festival Curtas Verín
Gravación do podcast "Nós mesmas" durante o FIC Vía XIV no 2023.

Na que será a novena edición do Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV, o cinema sairá da pantalla para achegalo ás rúas coa realización dunha curta en directo na feira de Verín. O equipo do festival de cinema aposta pola creación audiovisual in situ e en directo de novos formatos; ademais da curta, tamén se gravará un podcast.

 

"Verín no foco: día de feira" é o nome dunha actividade na que o equipo do FIC Vía XIV gravará unha curta que se adentre nas historias de vida das nosas tendeiras de confianza. A gravación realizarase na feira do 3 de setembro e a peza final poderá verse a través das redes sociais do festival. Unha oportunidade única para coñecer o traballo que hai detrás das cámaras e para poder observar a feira dende detrás dos postos. 

Podcast "As Bichas"

Da man das xornalistas Rosalía Macías e Sofía Caamaño, o FIC Vía XIV trae a Verín o podcast "As Bichas", da Revista Luzes. Contarán coa colaboración especial da actriz e directora Mariana Carballal para realizar un episodio en directo no que falarán de como o xénero e a clase atravesan a cultura e como moitos produtos audiovisuais amplian os nosos lindes mentais. Con entrada libre e de balde, o podcast realizarase o 31 de agosto, sábado, ás 20:30 horas no Auditorio municipal. Un episodio que tamén será gravado, apostando polos novos formatos audiovisuais que cada vez estás máis presentes.

Dende a organización do festival salientan a importancia de achegar a creación á veciñanza: "Para o FIC Vía XIV é esencial que o audiovisual non se vexa como algo afastado do noso día a día, senón como unha ferramenta a través da que narrar as nosas propias historias. Por iso, cremos que é moi emocionante poder albergar actividades deste tipo, nas que a veciñanza se implique na creación e nas que poidan ver como se realiza unha gravación en directo", explica Carlos Montero, director do festival.

NOTICIAS VERÍN | O FIC Vía XIV levará a creación audiovisual á rúa coa gravación dunha...
Entrando en la página solicitada Saltar publicidad