domingo. 28.04.2024
Xosé Lois Foxo, o deputado provincial José María Lago e o rexedor de Viana do Bolo, Andrés Montesinos.
Xosé Lois Foxo, o deputado provincial José María Lago e o rexedor de Viana do Bolo, Andrés Montesinos, na presentación do certame.

A Deputación de Ourense e o Concello de Viana do Bolo organizan a sétima edición do Festival Medieval que se celebrará o vindeiro sábado, 30 de marzo, na Praza Maior da localidade vianesa.

Unha nova edición deste certame musical que reunirá a un cento de artistas que achegarán os vellos romances medievais ás Terras do Bibei. O deputado provincial José María Lago, coñeceu hoxe no Pazo Provincial os detalles deste evento cultural da man do director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo; e do alcalde de Viana do Bolo, Andrés Montesinos.

O festival, en memoria do Gaiteiro das Terras do Bibei, Albino Pérez Fernández “O demo de Quintela”, contará coa actuación especial de Iria Estévez escenificando á raíña Urraca. O certame comezará a partir das 18:00 horas coas actuacións de diversos artistas e grupos que interpretarán vellos romances líricos que son relatos da historia.

Cartel

Actuarán os trompetistas á usanza medieval, o Grupo Tómalle Outra de Viana, e os artistas: Daniel García de la Cuesta de Asturias, Jacinta Fernández Alonso de Lentellais, Branca Villares de Músicas da montaña de Lugo, Rogelio de Aceveda, Fiuca de Trives, Iria Estévez coas cantareiras da Real Banda que interpretarán Romance de Dona Urraca, Digna de Vilanova de Trives, Óscar Ibáñez de Poio (Pontevedra), Blandina de Cotarós, Amparo do Bao e pechará unha vez máis o festival a Real Banda coa Coral Candea de Viana.

Ademais, poderá seguirse o festival vía streaming a través da web da Deputación de Ourense.

A VII edición do Festival Medieval chega este sábado a Viana do Bolo