martes. 17.09.2024
PSdeG Viana de Bolo en la candidatura a las elecciones municipales de 2023
O PSdeG de Viana de Bolo estima que a veciñanza sufrirá un aumento de ata un 50% nos recibos do lixo.

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo presenta unha moción para o seu debate na sesión plenaria do vindeiro día 19 de setembro na que insta a evitar a suba do canon que pagan os concellos adscritos á Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA). Germán García-Ávila Arias, voceiro do grupo socialista municipal, subliña que este incremento "afectará de xeito moi notorio á veciñanza, posto que lles repercutirá nos recibos que pagan, cun aumento das contías nun 40 ou 50%".

García-Ávila explica que a moción busca "esixir que o Concello de Viana inste á Xunta de Galicia ao mantemento do canon actual que pagan os concellos, que é de 66 euros por tonelada de residuos domésticos xestionada, amais de salvagardar a bonificación do 15%, resultando un canon bonificado de 56,10 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada".

"Requirimos que o Concello de Viana se sume a outras administracións e interpele con urxencia ao Goberno autonómico porque, amais de incumprir cos obxectivos de redución e reciclaxe establecidos, perxudica directamente aos concellos ourensáns ao aumentar os custos que teñen que asumir pola recollida de lixo, co dano que implica para as súas xa de por si malparadas finanzas", finaliza Germán García-Ávila Arias.

A suba da taxa pola xestión do lixo

SOGAMA aprobaba o pasado 25 de xuño unha "actualización do canon" que factura a 295 concellos galegos pola xestión do seu lixo, pasando a cobrar 66,01 euros por tonelada recollida e anunciando unha suba até os 78 euros por tonelada para o vindeiro exercicio 2025. "A suba ten que ver nomeadamente coa obsoleta xestión que SOGAMA fai dos residuos, non tendo mudado un ápice o modo en que trata os refugallos desde 2010, malia as continuadas advertencias", afirma García-Ávila Arias. Motivo polo que os socialistas esixen a adopción de medidas concretas para avanzar cara novas fórmulas de xestión de residuos máis respectuosas coa contorna.

Mentres a Xunta de Galicia imputa o incremento a sobrecustos derivados de impostos estatais, o certo é que a planta de SOGAMA afronta millonarios sobrecustos por mor de privilexiar a incineración (60%) e depósito en vertedoiro (21%), que son as fórmulas menos sustentables medioambientalmente. Deste xeito, nin o Executivo galego nin SOGAMA respectan as recomendacións europeas referentes á xestión de residuos, asumindo deste xeito a totalidade das cargas impositivas que derivan dunha directiva europea.

NOTICIAS VIANA | O PSdeG-PSOE quere que o Concello se manifeste en contra da suba do...
Entrando en la página solicitada Saltar publicidad