domingo. 08.09.2024
Javier Díaz, Ría Garrido, Samanta Barreira, Carmen Sola e Álvaro Rúa.

Esta mañá tivo lugar a presentación oficial da terceira edición do Festival de Percusión Vibra Verín, no Auditorio Municipal de Verín. Serán dous días (7 e 8 de xuño) nos que, ademais de actuacións abertas ao público, o alumnado dos CMUS participantes reunirase para actuar, asistir a obradoiros e concertos, e coñecer a outros percusionistas de renome. Devandito evento está organizado polo Conservatorio Profesional de Música do Concello de Verín e a Anpa deste centro formativo. A presentación contou coa presenza de Samanta Barreira, concelleira de Cultura, Turismo, Festexos e Conservatorio do Concello de Verín; Álvaro Rúa, director do evento; Ría Garrido, Carmen Sola e Javier Díaz, secretaria, tesoureira e presidente da ANPA do conservatorio, respectivamente.

O festival de percusión Vibra Verín nace co obxectivo de dar resposta aos novos retos propios da sociedade actual, articulándose en torno a dúas liñas de traballo fundamentais. A primeira enfócase en desenvolver un festival de carácter pedagóxico, creando espazos onde o alumnado de percusión dos diferentes conservatorios da provincia de Ourense fose o protagonista. A segunda liña oriéntase en crear un proxecto de dinamización da percusión dirixido a todos os públicos.

Durante a presentación, Samanta Barreira quixo agradecer o gran traballo realizado polos organizadores e destacou a potencial deste evento "para conectar coa nosa comunidade a través da música e para mostrar o talento dos nosos músicos locais e dos centros musicais que participan. A nosa premisa é levar a música máis aló das aulas e facer que chegue a todos os recunchos da nosa vila. Queremos que este festival sexa un espazo onde a xente poida desfrutar, aprender e participar activamente en actividades relacionadas coa música", salientou a concelleira da área de Conservatorio.

Pola súa banda, os representantes do Conservatorio e súa ANPA expresaron a súa gratitude cara o Concello de Verín pola promoción e divulgación da música a través da organización deste importante evento cultural. Así mesmo, quixeron facer un chamado á cidadanía para unirse a esta celebración e gozar dunha experiencia única, na que a percusión será a protagonista.

Javier Díaz, Ría Garrido, Samanta Barreira, Álvaro Rúa e Carmen Sola na presentación da nova edición do "Vibra Verín".

 

A terceira edición do festival, arrinca o venres 7 de xuño, ás 17:30 horas, coa recepción de participantes no Auditorio Municipal de Verín. Ás 18:00 horas, terá lugar unha exposición e venda de accesorios de percusión, no que os participantes poderán probar e mercar estes accesorios; un obradoiro de chapas e a actividade "Electroni's Sounds Percusión", unha mostra de fusión da música electrónica e percusión.

Máis tarde, ás 20:00 horas, celebrarase o Festival Intercentros no Auditorio Municipal de Verín coa participación dos seguintes centros: Conservatorio de Música do Carballiño, Escola de Música de Poio, Academia de Artes de Chaves, Xove Orquesta Ourensá (XOu), Escola de Música da Limia e Conservatorio de Música de Verín. A xornada rematará ás 21:30 horas cun "Lounge Speak" na cafetería do Auditorio.

O sábado 8 de xuño, as actividades comezarán ás 12:00 horas coa actuación do grupo Poten100mos na praza García Barbón, xunto cun coloquio sobre a música e a inclusión. Esta actuación mostrará como a música pode romper barreiras e conectar coa xente a través dos seus ritmos e bailes.

Ás 17:00 horas, será a quenda da Banda de gaitas Nova Era que animará as rúas coa súa música tradicional. Entre as 16:00 e as 20:00 horas, na Alameda de Verín, realizaranse dous obradoiros. O artesán José do Obradoiro Sanín impartirá un taller de construción de pandeiretas, onde axente da vila poderá elaborar manualmente cadanseu instrumento e coñecer en profundidade os mecanismos e técnicas do traballo da artesanía galega.

Paralelamente, entre as 17:30 e as 19:00 horas, Héctor do Obradoiro Morenita realizará unha xornada formativa de construción de instrumentos de percusión de man para os máis pequenos, onde poderán facer o seu propio pandeiro con materiais reutilizados. Para finalizar o día, ás 20:00 horas, o grupo Píscore ofrecerá unha actuación músico-teatral na praza García Barbón. Esta proposta, divertida e para todos os públicos, terá á percusión como protagonista e fío condutor da representación.


O Festival de Percusión Vibra Verín 2024 é unha cita ineludible para os amantes da música e da percusión, unha oportunidade única para desfrutar de actuacións e obradoiros que poñen en valor o traballo dos nosos músicos e artesáns.

Verín volve soar ao ritmo dos tambores