O Grupo Provincial Socialista reclama na Deputación de Ourense a disolución do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE) e que "a Corporación provincial asuma as misións e proxectos que supostamente (este) envolve". "As funcións que desenrola o INORDE son unha inquedanza manifestada en sucesivos mandatos polo noso Grupo provincial a través de preguntas e requirimentos, aínda que nunca se materializou nunha moción concreta, como agora é o caso", explicou o voceiro socialista, Álvaro Vila.
Desde o momento da súa creación, en 1987, o INORDE preséntase coma un "organismo autónomo" con independencia económica e administrativa "para a realización das súas fins". "Na práctica resulta que o Instituto non ten autonomía financeira, xa que o seu financiamento depende arredor dun 70% das achegas da propia Deputación", explicou Vila.
A aportación en 2024 da Deputación de Ourense ao INORDE ascende a 2.369.000 euros sobre un orzamento total de 2.856.204 euros, sendo "mínimos" os fondos que capta doutras administracións e proxectos comunitarios, estatais e europeos.
O voceiro socialista subliñou que, amais da súa dependencia económica da Deputación, o INORDE tamén está supeditado administrativamente e operativamente á Corporación provincial. A modo de exemplo, Vila explicou como as funcións de asesoría legal corresponden ao secretario xeral da Deputación e as labores de control e fiscalización recaen no interventor da propia Corporación.
Segundo dixo o voceiro socialista, "o Instituto está absolutamente supeditado aos recursos, escrutinio e control da Deputación, que determina as súas liñas de actuación e designa aos seus responsables existindo de facto un réxime de tutela".
Máis eficiencia e transparencia
"Xunto coa ausencia de autonomía e o redobramento que implica o INORDE da propia acción da Corporación provincial, o Instituto tampouco é modelo de eficacia nin transparencia", engadiu Vila. O político abondou en fitos como a ineficacia administrativa, desperdicio de recursos, rixideces organizativas, eivas na coordinación estratéxica e falta de transparencia na toma de decisión e xestión do INORDE. "Unha serie de elementos que fan que o Instituto non sexa unha entidade protagonista no desenvolvemento provincial", conclúe Vila.
Porén que en 2024 os gastos de persoal representan un 40% do orzamento do INORDE, en exercicios anteriores este representaba entre o 50-70% do total de recursos do Instituto. Na proposta socialista, que será debatida no pleno do vindeiro 25 de outubro, contémplase a eliminación dos cargos políticos e a integración do persoal do INORDE "nos departamentos acaídos da Corporación provincial en función dos seus perfís e experiencia profesional".
"A disolución do INORDE aspira a modernizar a administración provincial, introducir mellores prácticas no seu cotiá, centralizar servizos para evitar de duplicidades e reducir estruturas, que sexan moito máis eficientes economicamente e, sobre todo, transparentes a ollos da cidadanía de Ourense", debullou o voceiro do Grupo Provincial Socialista.