domingo. 08.09.2024
Manuel Lorenzo, concelleiro de Feiras, e o organizador do evento, Jorge Fernández.
Manuel Lorenzo, concelleiro de Feiras, e o organizador do evento, Jorge Fernández.

O Concello de Verín vén de anunciar a celebración da feira de produtos naturais ecolóxicos e de proximidade "O Mellor da Terra", un evento que terá lugar os días 19, 20 e 21 de xullo en Verín.

A mesma ten o obxectivo de dar visibilidade aos pequenos produtores da industria alimentaria, brindando unha plataforma única para exhibir unha ampla gama de alimentos de primeira calidade, saudables e innovadores.

Segundo explicou o concelleiro responsable da área de Feiras, Manuel Lorenzo, o obxectivo de "O Mellor da Terra" é constituír un gran escaparate de produtos naturais, ecolóxicos e de proximidade de primeira calidade. "Este evento é unha excelente oportunidade para que todos aqueles pequenos produtores que non teñen a capacidade de chegar a grandes superficies, pero que son fundamentais para o tecido económico da nosa rexión, cheguen de maneira efectiva e directa ao consumidor final".

A feira contará con, aproximadamente, 35 expositores dentro dunha carpa de 50 metros cadrados; e dous expositores adicionais no exterior, incluíndo a popular churraría Galiano e un posto de crepes.

Os asistentes poderán saborear unha ampla variedade de produtos de máxima calidade, non procesados, e que son vitais e insubstituíbles polo seu papel na saúde e no benestar do consumidor; así como no desenvolvemento das diferentes economías locais. O horario da mesma será: venres, de 17:00 a 21:00 horas; e sábado e domingo, de 11:00 a 21:00 horas.

Produtos á venda

Entre os produtos que se poderán degustar, destacan sete variedades de queixos (como queixo de cabra, de ovella, requeixo, tetilla, e ata un queixo italiano e francés).

Estarán presentes recoñecidos produtores galegos como: Pepa Loba, co seu paté de centola, ostras O Avó Lelo de O Percebeiro, repostaría Alicia's Cake, aceites Embruxo, cervexas Meiga e de Mirabeles, marmeladas Nelagalletas Burriana e Xacobleas, licores Barbudos, crema de cacahuete Vainatti, mel Valdebella, bica de castañas Amarante, cafés Aruba, croquetas D'Mareterra ou Antonio e Brais cos seus preñados de choripán, entre outros produtos de primeira calidade.

Os asistentes tamén poderán probar a mellor cecina de León, un dos mellores pementóns, a mellor morcilla de Burgos e as exquisitas anchoas de Santoña; sendo estes os únicos produtos que veñen de fóra de Galicia.

NOTICIAS VERÍN | "O mellor da terra", a feira de produtos de proximidade, chega á vila...