viernes. 28.06.2024
2024 Ponte Farruca
A terceira edición da romaría Ponte Farruca celebrarase o 17 de agosto.

A dous meses do gran día, a organización da romaría Ponte Farruca vén de anunciar a programación de concertos que haberá na súa terceira edición. Un cartel espectacular que conta, entre outros, co recente gañador do Premio Martín Códax da música electrónica: Mondra. Artista revelación, cantareiro e bailador que chegará a Laza o vindeiro 17 de agosto para presentar o seu espectáculo de música electrónica e tradicional, baile e teatro.

Mondra_actuación Rúada das gotas en Ribadumia. FOTO_Xacobo García Novoa
Mondra durante a súa actuación en Ribadumia. | FOTO: Xacobo García Novoa.

Con el, o grupo De Ninghures; música de raíz e creación contemporánea que pon en valor a tradición con influencias que van desde as músicas do Magreb ou o rock saharaui ata as melodías cubanas. E a banda noiesa Molonius DOP, música pop en galego que tira da retranca e promete facer bailar e moito humor. Ademais, a romaría Ponte Farruca tamén contará coas actuacións da charanga Bicoia, as pandeireteiras Silveiras do Támega, o grupo tradicional Kuartetas e DJ Celulite.

No solo música

O festival naceu co firme obxectivo de demostrar o potencial do medio rural para establecer novos modelos de sociedade, ao tempo que reivindica a igualdade da muller e a diversidade sexual ​e de xénero apostando pola visibilización do colectivo LGTBQ+. Para elo, se organizan diversas actividades ao longo da xornada dirixidas a públicos ben diferentes co ánimo de unilos no festexo ofrecendo unha ​experiencia que combina diversión e aprendizaxe.

FOTOS-49
Obradoiro de pandeireta na pasada edición.

Entre elas, a gran novidade diste ano será o Farruca Dates, "citas para coñecerse e quen sabe se xorde o amor", comentan dende a organización. Non faltará a feira de artesanía e agrícola; o cinema, coa proxección do documental "A laranxa completa"; a sesión vermú, con baile; obradoiros para todas as idades; a exitosa tractorada engalanada, que este ano vén acompañada dunha ruta de coches clásicos; e a iniciativa Ponte Farruquiña, a actividade teatralizada de coeducación ​dirixida ao público familiar e á cativada. 

Este ano teñen organizado un crowdfunding para acadar os fondos necesarios. A romaría é unha iniciativa sen ánimo de lucro organizada coa participación de veciñas e veciños de Laza e a implicación do equipo que forma a organización.

NOTICIAS VERÍN | A romaría Ponte Farruca desvela o seu cartel de concertos
Entrando en la página solicitada Saltar publicidad