martes. 22.10.2024

Evento

AXENDA | As xornadas sobre Eloy Luis André analizarán a traxectoria do intelectual verinés

3/10/24 a 31/10/24
Salón de actos da Casa da Cultura de Verín.
202410 Xornadas Eloy Luis André, Concello de Verín,  Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Biblioteca do Concello de Verín, organizan un ciclo de actividades dedicadas á figura de D. Eloy Luis André, un dos máis relevantes intelectuais galegos, escritor, pensador e introdutor da psicoloxía moderna en España.


A figura de Eloy Luis André será presentada e analizada por especialistas de recoñecido prestixio que achegarán unha visión única sobre o pensamento e legado do autor, afondando en aspectos como a psicoloxía, o europeísmo, o galeguismo, as comunicacións terrestres e o estudo da fala. Nado en Mourazos en 1876 e falecido en Madrid en 1935, a súa traxectoria será revisada dende múltiples enfoques nun ciclo de conferencias ao longo do mes de outubro.

 

241001 Expo Verín_Eloy Luis André "Silencio, soidade,
carácter" na Biblioteca de Verín
"Silencio, soidade, carácter", exposición homenaxe a Eloy Luis André.

As xornadas compleméntanse coa exposición "Silencio, soidade, carácter", en homenaxe ao artigo homónimo de Eloy Luis André, publicado en 1907 na revista Sagitario. A mostra, comisariada por Aurora Prieto, Miguel Losada e Vicente R. Justo, percorre algúns dos momentos máis relevantes da vida e obra do autor. Poderá verse na Biblioteca Municipal de Verín ata o 31 de outubro.

 

Programa do ciclo de conferencias

Os relatorios desenvolveranse todos os xoves do mes de outubro ás 19:30h no Salón de Actos da Casa da Cultura do Concello de Verín.

  • 3 de outubro: "Psicoloxía: cambio social e perfección persoal", de Xosé Ramón García Soto.
  • 10 de outubro: "A variante André: europeísmo, españolismo, galeguismo", de Ramón López Vázquez.
  • 17 de outubro: "A visión estratéxica das comunicacións terrestres de Eloy Luis André", de Alberte Blanco Casal.
  • 24 de outubro: "Descubrindo as curvas melódicas da fala", con Aurora Prieto, Miguel Losada, Vicente R. Justo e Xosé Ramón García Soto.
  • 31 de outubro: "Tras o lume: esquecementos e lembranzas" Carlos Thiébaut.
Comentarios