lunes. 20.05.2024

Evento

AXENDA | A Biblioteca de Verín lembra a figura de Francisco Fernández del Riego

27/4/23
19:30
Biblioteca Municipal de Verín
BibliotecaVerín - Conferencia 20230427_02
Francisco Fernández del Riego, finado no 2010. | FOTO: Biblioteca Municipal de Verín.

Neste 2023, o día das Letras Galegas dedícase á figura do ilustre galeguista Francisco Fernández del Riego, coincidindo coa celebración dos 110 anos do seu nacemento. Escritor, intelectual e político, desenvolveu dende a década de 1930 un constante e recoñecido traballo en prol da cultura galega. Coincide, tamén, co 60 aniversario do Día das Letras Galegas, unha celebración da que foi inspirador.

Fernández del Riego, finado no 2010, pertenceu ó grupo de intelectuais xurdido ó redor do Grupo Nós. Uniuse a Ramón Piñeiro e a Xaime Isla Couto para impulsar a Editorial Galaxia, empresa líder no proceso de recuperación da cultura galega na posguerra. No ano 1960 ingresaba como membro da Real Academia Galega. Ensaísta, pensador e narrador, foi autor dunha extensa obra centrada na cultura e na literatura galega. 

O vindeiro xoves 27 de abril, a Biblioteca Municipal de Verín, acollerá a conferencia: "Francisco Fernández del Riego: Galicia no corazón. Letras Galegas 2023". Un percorrido pola figura do insigne intelectual analizado por Francisco Domínguez e María Dolores Cabrera, padroeiros da Fundación Fermín Penzol.