Protagoniza a campaña "8M, mes a mes" da Área de Igualdade da Deputación

A IMAXE DE... | Lina Morais, a labrega de Terroso que lle pon cara á muller rural

'A horta da Lina' é o seu espazo de venda na praza de abastos de Ourense.

Cando Isolina Morais Domínguez comezou traballar a terra foi para autoconsumo; hoxe, esta labrega de Vilardevós véndelle á veciñanza de Ourense os seus produtos de calidade no posto que ten na praza de abastos da cidade: A horta da Lina. 

Vén de ser seleccionada como imaxe da campaña "Sementando raíces, colleitando forzas", representando o colectivo da muller rural que se dedica ao campo. Un recoñecemento que a Área de Igualdade da Deputación de Ourense fai ás mulleres labregas no marco da iniciativa "8M, mes a mes".

Hai tres anos que Lina Morais decidiu emprender e dedicar a súa vida profesional a traballar a terra para obter produtos de calidade; é a súa paixon: "A agricultura ademais de permitirnos ter a capacidade de producir os nosos propios alimentos, apórtanos unha produción de alimentos sans, e fai que a poboación coñeza a procedencia dos mesmos e é algo que incide directamente na nosa saúde", explica.

A iniciativa "8M, mes a mes" busca promover durante todo o ano a importancia do traballo das mulleres. Cada día 8 faise un recoñecemento especial ás mulleres con profesións altamente masculinizadas ou de gran relevancia ao longo da historia. Neste mes de outubro homenaxea á muller rural dedicada ao campo, coincidindo coa celebración, o día 15, do Día Internacional das Mulleres Rurais.