NOTICIAS VERÍN | Marta Maes, cirurxiá do Hospital de Verín, premiada pola súa tese sobre a humanización da atención médica
A doutora ourensá Marta Maes Carballo, cirurxiá xeral do Hospital Público de Verín con especial dedicación ao cancro de mama, vén de acadar o Premio Extraordinario na súa tese doutoral; unha investigación centrada en mellorar a calidade dos coidados médicos ao fomentar unha maior implicación dos e das pacientes no proceso de toma de decisións sobre o tratamento que reciben.
Marta Maes investigou como a toma de decisións compartidas pode ser utilizada como indicador de calidade na atención de pacientes con cancro de mama. Esta toma de decisións compartida implica que equipo médico e paciente traballen xuntos para decidir cal é o tratamento baseado na evidencia que mellor se adapta ás preferencias e valores da persoa que padece a enfermidade.
Atendendo aos datos da investigación, esta práctica mellora a satisfacción dos e das pacientes, favorece a adherencia ao tratamento, é un requerimento ético e supón un estándar para unha atención médica máis humanizada. No seu estudo destaca que existen barreiras importantes, como a falta de tempo e recursos, para a implementación na sanidade do proceso de toma de decisións conxuntas entre o equipo médico e os pacientes.
Quen é Marta Maes?
Cirurxiá xeral do Hospital Público de Verín con especial dedicación ao cancro de mama e recoñecida experta en toma de decisións compartidas, Marta Maes promove dende hai tempo a humanización da medicina a través da investigación académica e a colaboración internacional. "É esencial que o paciente teña un rol activo nas decisións sobre a súa enfermidade; iso forma parte dunha atención médica verdadeiramente humana e personalizada", subliña a doutora Maes.
A súa tese, titulada “Toma de decisións compartidas como indicador de calidade no Proceso Asistencial Cancro de Mama”, recibiu o prestixioso Premio Extraordinario de Tese Doutoral na área de Ciencias da Saúde da Universidade de Granada, en colaboración coa Queen Mary University of London. É vocal no Comité de Ética Asistencial de Ourense e no Comité Deontolóxico do Colexio de Médicos de Ourense. Actualmente colabora coa Universidade de Brandenburgo nunha liña de investigación para fomentar o uso das decisións compartidas nas guías de práctica clínica.
Vén de participar como relatora no 12th International Conference on Shared Decision Making (ISDM) en Lausana, Suíza, impartindo un taller no que abordou a implementación destas prácticas en guías de práctica clínica e a súa aplicación na oncoloxía mamaria. Recentemente foi elixida pola prestixiosa Sociedade Europea de Oncoloxía (ESMO) para desenvolver un proxecto internacional para transmitir a través de cursos en liña as últimas actualizacións en Cancro de Mama. Este proxecto está a levarse a cabo simultaneamente en España, EE.UU, Italia, Francia, Xapón e Reino Unido.