NOTICIAS VERÍN | Obradoiros temáticos e un espectáculo familiar, a oferta do Samaín verinense
A área de Cultura do Concello de Verín vén de presentar o seu programa de actividades para celebrar o Samaín 2024, que inclúe talleres temáticos e un espectáculo interactivo para toda a familia. Esta proposta, que mestura cultura e creatividade, promete envolver a todos os asistentes na maxia e o misterio desta noite emblemática, combinando tradición e entretemento nunha celebración especialmente dirixida aos máis pequenos.
O primeiro día de actividades terá lugar o venres 1 de novembro na Sala de Exposicións de Verín (Rúa Irmáns la Salle, Verín), de 17 a 19 horas, cunha tarde de obradoiros pensados para estimular a creatividade e facer que a cativada explore a súa faceta máis artística. O Concello de Verín organiza unha actividade na que os máis pequenos da casa poderán dar renda solta á súa imaxinación nunha xornada onde se combina a maxia do Samaín co xogo e a creación.
- Maquillaxe de Terror: dende as tradicionais calaveras e vampiros ata as míticas meigas, todos os participantes terán a oportunidade de converterse no personaxe que máis lles guste, empregando unha maquillaxe profesional, hipoalerxénica e de fácil limpeza.
- Chapas Monstruosas: neste obradoiro, os nenos e nenas fabricarán as súas propias chapas personalizadas, un complemento terrorífico e único que poderán levar posto. Terán acceso a ferramentas profesionais para plasmar os seus deseños, dando vida ás súas ideas creativas.
- Títeres de Medo: outro dos atractivos do evento será a creación de títeres terroríficos. Cada neno e nena poderá deseñar o seu propio monstro e levalo a casa como recordo, ademais de pasar un rato cheo de diversión durante o proceso.
O programa pecha o domingo 3 de novembro cun espectáculo interactivo ambientado nas historias da noite de Samaín. O mesmo, que terá lugar ás 17 horas no hall do Auditorio Municipal, promete facer vibrar aos asistentes con risas e sustos en igual medida.
Baixo a dirección de Manuel "Lolo" Castro, experimentado cómico e clown con máis de tres décadas de traxectoria, "Quen Dixo Medo?" trae unha proposta chea de humor e movemento onde dúas personaxes guiarán aos menores a través de xogos e bailes, animándoos a explorar o seu lado máis monstruoso.