lunes. 20.05.2024
Hospital - obras 20230214 (1)
Instalación de paneis fotovoltaicos na cuberta do Hospital de Verín na procura dunha mellor eficiencia enerxética.

Somentes un día despois da manifestación celebrada en Verín reclamando a mellora do Servizo de Pediatría para a bisbarra, cunha alta participación cidadá, dende o SERGAS informan sobre a evolución das obras do Hospital. Semella que o berro conxunto da veciñanza de Verín para que podamos ter unha atención sanitaria de calidade para as nenas e os nenos da comarca, e retomando aquel "Verín non se pecha", chegou ata Ourense e dende a Xerencia da Área Sanitaria queren manternos ben informados. Ata en domingo.

Non vai ser ista redacción quen prive ás nosas veciñas e ós noso veciños do que acontece nas obras do Hospital de Verín. Nembargantes, semella que para a Xunta de Galicia é máis importante o feito de poñer paneis fotovoltaicos no teito do Hospital que o de dar solución a unha mala xestión do Servizo de Pediatría. A idea é boa, hai que mellorar a eficiencia enerxética dos edificios públicos. Pero, se cadra, éranos mellor ter máis pediatras e, se temos solucionado o primordial, imos mellorando todo o demais.  

O caso é que "As obras de ampliación e mellora do Hospital de Verín continúan a bo ritmo", afirman dende o SERGAS, "coa instalación na cuberta de parte dos 650 paneis fotovoltaicos previstos". Non sabemos que significa, exactamente, "a bo ritmo", xa que a previsión de plazos fala de "un horizonte de once meses". Tamén descoñecemos, exactamente, que parte dos 650 paneis fotovoltaicos xa están instalados.

Certo é que "tamén se situarán no novo edificio de urxencias". Ai, o novo edificio de urxencias... case parece un soño o de ter unhas Urxencias Hospitalarias sen ter que subir isa costiña tan boa que temos dende hai tres décadas. A veciñanza diste distrito sanitario agarda con ansia e anhelo ver alzado o novo edificio. "De planta baixa e conectado ao resto do hospital, o novo edificio mellorará a accesibilidade das urxencias da poboación da bisbarra", explican dende a Área Sanitaria de Ourense. Non era sen tempo que alguén se decatara do nefasto acceso que existe ata o de agora.

Hospital - obras 20230214 (2)
Estado das obras do novo edificio de urxencias do Hospital de Verín.

Estamos tranquilos porque "avanzan os traballos de construción do novo edificio, de 1.488 metros cadrados, co hormigonado da cimentación desta ampla e moderna extensión; aumentando ademais o espazo dispoñible para a atención sanitaria". No deseño quixeron incluír certos extras, xa que "disporá dun acceso exclusivo, cunha área de acceso de vehículos, para recoller ou achegar pacientes, e estacionamento propio".

E, como será o novo edificio de Urxencias? Na entrada situarase a Admisión e o Triaxe, como agora. O PAC terá dúas consultas médicas, unha de enfermería e unha consulta de atención a sospeitas de infección respiratoria. O Servizo de Urxencias contará con dúas consultas polivalentes, unha sala de curas e seis boxes. Deles, un de maiores dimensións para a atención a pacientes críticos e outro, con aseo e espazo previo, para facilitar o illamento de pacientes con sospeita de infección.

O novo edificio hospitalario contará tamén cunha sala de observación 24 horas, sala de traballo médico, sala de reunións, farmacia, sala de pre-alta, despacho de información a familiares, dormitorios de persoal e outros espazos de apoio. E, neste punto, o "horizonte de once meses" para as obras comeza a semellar escaso tendo en conta que inda se está facendo a cimentación. Imos vendo que acontecerá.

NOTICIAS VERÍN | O SERGAS aposta polas infraestruturas e non polos profesionais sanitarios