Impartido polo Concello, a Garda Civil participa informando sobre seguridade en Internet

NOTICIAS VERÍN | Comeza o curso de formación dixital para maiores cunha trintena de participantes

Unha trintena de persoas participan dende hoxe na formación dixital impartida polo Concello de Verín.

Esta mañá deu comezo en Verín a segunda edición do curso de formación en Internet e telefonía móbil dirixido ás persoas maiores. Organizado polo Concello de Verín a través do proxecto "Cara a conquista do benestar", forma parte do programa Voluntariado Sénior da área de Benestar Social. Unha trintena de maiores participan nesta iniciativa, que busca seguir reducindo a fenda dixital xeracional e mellorar a calidade de vida deste colectivo.

O obxectivo principal do curso é proporcionar coñecementos necesarios para utilizar de forma autónoma e segura dispositivos móbiles, como smartphones e tablets; mellorando para as persoas que participan o seu acceso á información, a súa interacción nas redes sociais e a súa capacidade para realizar xestións administrativas, financeiras e de saúde.

Durante o curso, os asistentes aprenderán a realizar accións básicas, como facer chamadas, enviar mensaxes, gardar contactos e sacar fotos, ademais de navegar por Internet e utilizar aplicacións específicas para maiores. A formación segue unha metodoloxía práctica, na que cada quen leva o seu propio dispositivo, facilitando a aprendizaxe diaria e a utilización da ferramenta que xa teñen.

Colaboración coa Garda Civil

Como parte do programa, a Garda Civil de Verín tamén participará impartindo charlas informativas sobre a seguridade en Internet, abordando temas como a prevención de delitos informáticos, a protección da identidade dixital e a seguridade nas operacións bancarias en liña, un aspecto clave ante o crecemento da banca dixital. Estas sesións buscan concienciar ás persoas maiores sobre os riscos asociados ao uso da tecnoloxía e axudalas a previr fraudes e estafas.