lunes. 20.05.2024
Axenda cultural da comarca e arredores.

Chega unha nova fin de semana, a derradeira do mes de outubro, que se alonga coa festividade de Todos os Santos do vindeiro 1 de novembro. Con ela avecíñanse unha gran variedade de plans, algúns deles, os máis agardados do outono. Algunha festa tradicional, música e gastronomía, entre outros. Tomade lapis e caderno... E a desfrutar!

Venres 29 de outubro:

A cidade portuguesa de Chaves recupera a súa tradicional Feira dos Santos que se prolongará durante os seguintes catro días. Será presentada de xeito oficial ás 17:30h da tarde e dará comezo co espectáculo de Brisa do Marão, ás 21:30h (hora portuguesa) no Largo General Silveira do centro da localidade.

cartaz_santos_azul_1_1024_2500

Tamén se estreará a Ruta do Viño de Monterrei, a última no marco das X Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia. Terán lugar, ás 16:00h, diferentes actividades destinadas á cativada, como a visita a diferentes espazos nos que a historia e viticultura de Monterrei serán as protagonistas. Unha hora máis tarde, as familias participarán na busca do tesouro en Monterrei, unha actividade orientada á diversión que tamén estará dispoñible durante o sábado e o domingo -con reserva anticipada-. Remata a tarde cun obradoiro gastronómico, ás 20:00h no antigo Hospital de Peregrinos, no que os asistentes degustarán recoñecidas conservas e variedade de viños da Denominación de Orixe.

Sábado 30 de outubro:

Continúa a Feira dos Santos en Chaves, coa Feira da Lá, que estará presente durante toda a xornada nas rúas da localidade lusa. Mentres, na nosa comarca, segunda e máis intensa xornada da Ruta do Viño de Monterrei, da man do Bus do Viño que percorrerá as principais cidades galegas. Os asistentes visitarán as seis adegas participantes -Daniel Fernández, Fragas do Lecer, Gargalo, Ladairo, Pazo de Valdeconde e Triay- así como enclaves significativos da comarca como o Castelo de Monterrei, os lagares rupestres de Oímbra ou a fervenza da Cidadella.

Pola tarde, de novo en España aínda que sen perder de vista Portugal, o cabo da GNR, criminólogo e agora tamén escritor, Joao Ribeiro da Cruz, presentará no Auditorio Municipal o seu libro sobre lenocinio e prostitución. Será ás 17:00h e estará acompañado por diferentes autoridades entre as que destaca o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, quen participará tamén nunha mesa redonda durante o acto.

Presentación do libro no Auditorio.

A comarca tamén acolle a actuación infantil dos coñecidos personaxes Os Bolechas, organizada polo GRD Monteval. Será a partir das 17:00h, no Parador de Verín, onde lles mostrarán aos cativos, de entre 4 e 9 anos, os segredos do seu 'Camiño Marciano'. 

Ao remate, recolle o testemuño a localidade de Albarellos que, tras un ano de paro, recupera a súa tradicional e terrorífica festa do Samaín. Será a partir das 20:30h, en grupos para respectar as medidas de seguridade e desfrutando dunha noite de boa compañía, comida, bebida e, sobre todo, dos disfraces máis arrepiantes! Tamén terán ocasión de participar os cativos, co baleirado e posterior decoración de cabazas. Pola noite, continúa a música en Chaves coa actuación de Arkádia ás 21:30h no Largo General Silveira.

Domingo 31 de outubro:

Moi madrugadores de novo en Chaves os que acudirán á Feira do Gado, que terá lugar na Zona Industrial da localidade a partir das 08:30h (unha hora máis no noso país). Ao mesmo tempo, ten lugar a segunda etapa da peregrinación a Santiago de Compostela que realizan veciños da comarca. Nesta ocasión, cun percorrido de 27 quilómetros que une as localidades de Laza e Bobadela.

2021101816440795511

Unha hora e media máis tarde, ás 10:00h, a cita trasladarase ao Forte de São Neutel de Chaves onde se celebrarán os diferentes concursos gandeiros típicos desta festa -vacún, porcino e ovino-.

Abrirá a oferta musical, de volta en Verín, o espectáculo Piperegrinos, que reúne aos mellores gaiteiros españois e portugueses. Un evento no que os asistentes poderán desfrutar das diferentes variedades deste instrumento e dun amplo repertorio co formato máis actual. A cita é ás 12:00h no Auditorio Municipal debido ás malas previsións meteorolóxicas.

Á mesma hora, darán inicio as I Xornadas Feministas de Mandín. Terá lugar unha sesión vermú na taberna Couto Mixto da localidade, cun mercadiño solidario, actividades infantís e a proxección do documental Matriarcas, de Ana Costa. Continuarán cun faladoiro sobre a realidade actual da muller e un recital poético musical e, para rematar, o conxuro das bruxas para celebrar o Samaín con música en directo de Eva Flete e Raquel Besteiro.

Á hora do aperitivo, ás 13:00h, terá lugar o Túnel do Viño de Monterrei no Museo do Claustro Mercedario, no que os asistentes degustarán os mellores brancos e tintos da Denominación de Orixe. Abrindo boca... Para despois xantar no país veciño, co Festival Gastronómico do Polvo, nas inmediacións do Estadio Municipal de Chaves a partir das 12:00h. Será a antesala dun dos acontecementos máis agardados da festa, a Chega de Bois no Forte de São Neutel a partir das 14:30h (hora portuguesa).

A festa contiuará co concerto, ás 21:30h, de Rony Fuego e a posterior sesión do DJ Wild a partir das 22:45h, ambos no Largo General Silveira. Ao mesmo tempo, na Casa do Pobo de Castrelo de Cima, terá lugar un baile para adultos con motivo do Samaín organizado pola Asociación de Veciños da localidade. Non esquezades ir cos traxes máis arrepiantes porque o mellor disfraz da noite terá premio!

Luns 1 de novembro:

Terceiro día da celebración dos Santos en Chaves. A partir das 15:00h terán lugar varias actuacións de danza, comezando coa Escola de Música Wagner, seguida pola de Christine Veen e pechando o evento, a Academia de Música e Ballet Mozart. Todos os días haberá 'Santos da Noite', con bares e discotecas da cidade e o evento Stock Out 'O comercio sai á rúa'.

Martes 2 de novembro:

Con motivo da festividade dos Fieis Difuntos, a Unidade de Atención Parroquial do Arciprestazgo de Verín, que modera D. Óscar Martínez, levará a cabo, ás 17:00ha misa funeral ao aire libre na praza García Barbón en recordo ás vítimas da pandemia ou que sen selo, faleceran durante o estado de alarma e non puideran ser debidamente despedidas polas restricións sanitarias. Unha cita que poderán seguir completa e en directo a través das redes sociais do Diario do Támega.

AXENDA | Sen plans para a fin de semana? Velaí algunhas propostas de lecer