Que facer no tempo libre?

AXENDA | O espírito natalicio invade a ponte da Constitución: velaí algúns plans de lecer

Axenda cultural.

Xa é decembro! Con el chega unha das épocas máis bonitas e especiais do ano... O Nadal. Como non podería ser doutro xeito, a comarca está repleta de plans de lecer para estes vindeiros días nos que, ademais, ten lugar a festividade da Constitución. Así que sacade papel e lapis, anotade e.... A desfrutar!

Xoves, 2 de decembro

Por segunda semana, Verín acolle as Rutas saudables, a partir das 16:30h na praza García Barbón. Unha iniciativa da Asociación Española contra o Cancro que busca fomentar a realización de exercicio físico como base da prevención. Continuará o venres, a partir das 09:45h e terá lugar cada semana -martes e venres ás 09:45h e martes e xoves ás 16:30h-.

Ao remate, quenda para visitar, a partir das 19:00h na praza da Merced, a un convidado moi especial: o Ratiño Pérez, que chega á vila da man de Dentalnova. A fundación da clínica participa este ano activamente na decoración urbana de Verín coa instalación desta divertida caseta que, ademais, terá temática natalicia.

E, como cada xoves, cita gastronómica nas rúas de Verín. A partir das 19:00h, os establecementos hostaleiros da vila acollen o Pincho Xoves, onde os asistentes poderán degustar diferentes variedades de pinchos cun prezo que oscila entre os 1,5 e os 2 euros.

Venres, 3 de decembro

Ao igual que cada día 3 pola mañá, xornada de feira en Verín no seu lugar habitual. Un mercado que se agarda ateigado de xente polos vindeiros días festivos. Pola tarde, a praza García Barbón, entre as 16:30h e as 21:00h, acollerá a unidade móbil para doar sangue. Recorda que podes colaborar se tes máis de 18 anos e pesas máis de 50 quilogramos.

Tamén pola tarde, está previsto que o Concello de Verín dea comezo oficialmente ao Nadal, co acendido do alumeado colocado para estas datas, entre o que salientan a típica árbore na praza da casa consistorial e outros adornos polas rúas, cos que inmortalizar os mellores momentos desta época.

Sábado, 4 de decembro

A partir das 12:00h, na academia Entre Nós de Verín, os directores de Verpol -o primeiro centro de Verín que forma a futuros policías e gardas civís- imparten unha charla informativa sobre os seus servizos, onde darán a coñecer a súa metodoloxía de aprendizaxe e resolverán todas as dúbidas dos asistentes. Repetirán o evento o vindeiro día 18 de decembro.

Á mesma hora, arranca a Feira de Nadal de Verín, que se alongará ata o vindeiro día 8 de decembro. Cinco días onde atopar, na praza García Barbón, os 20 postos de artesanía e alimentación, entre os que estará o centro de día Solleira, quen destinará todos os seus beneficios á protectora local Pro Animales. Todo isto ambientado coa mellor música de varios grupos locais.

Durante os mesmos días, o pavillón municipal de Viana do Bolo acolle unha pista de patinaxe sobre xeo, que compartirá espazo con outros inchables e atraccións. Estará aberto ao público en horario de tarde, de 16:00h a 20:00h, cunha entrada totalmente gratuita e mantendo en todo momento as medidas de seguridade contra a Covid.

Para rematar a xornada, quenda para o deporte, neste caso, para o Verín Sala que recibe ao líder da liga. O pavillón municipal de Verín acolle, a partir das 20:00h, ese enfrontamento contra o Pazos de Borbén F.S.

Domingo, 5 de decembro

Día para visitar A Mezquita, que manterá en domingo a súa feira por mor dos días festivos que se suceden a continuación. Trátase dunha excepción no municipio que, como é habitual, celebra os seus mercados os días 5 e 19 de cada mes, sempre e cando sexan laborables ou sábados. Mesmo plan en Verín, que continúa acollendo os 20 postos da Feira de Nadal.

Luns, 6 de decembro

Día festivo no que o centro de día Solleira abre as súas portas a todos aqueles veciños que queiran coñecer o seu funcionamento e adicación. Esta xornada de portas abertas terá lugar entre as 10:00h e as 13:00h, momento no que as traballadoras ofrecerán unha visita guiada aos asistentes. Ademais, todos eles serán agasallados cun rico chocolate e pastas para combater as baixas temperaturas.

Tamén pola mañá, entre as 11:00h e 13:30h, Femuro inaugura o seu mercadiño solidario de Nadal, cuxos beneficios serán destinados a financiar proxectos sociais da entidade. Terá lugar no local da avenida de Sousas, 37, que estará aberto tamén en horario de tarde e durante o resto de fins de semana de decembro e días festivos -ata Reis-. Todos aqueles que queiran colaborar coa doazón de artigos, aínda poden facelo na sede de Femuro e na tenda Pato Joyeros.

Plans alternativos

Todos os amantes destas datas teñen unha oportunidade perfecta para mergullarse no Nadal. A asociación Xuventude de Laza organiza o seu primeiro concurso de nacementos natalicios no que pode participar toda a poboaciónOs únicos requisitos son unha boa imaxinación, figuriñas, luces e adornos para que o Belén luza o máis orixinal posible. Todos os interesados teñen de prazo para presentar as súas obras, individuais ou en grupo, ata o vindeiro 23 de decembro. Bule!

Como vén sendo habitual, a Oficina de Turismo de Monterrei organiza diferentes visitas guiadas, baixo reserva previa, ás 11:00h de mércores a domingo e ás 16:00h de venres a domingo. Máis información no 988 361 360 ou a través do email turismomonterrei@gmail.com.

Tamén, o Museo do Claustro Mercedario de Verín e o Etnógrafico de Castrelo do Val continúan abertos ao público, nos que se poden visitar as súas distintas exposicións en horario de mañá e de tarde.