Presentaron unha moción na Deputación para apoiar ao sector farmacéutico

O PSdeG propón que os centros de día e residencias merquen medicamentos nas farmacias do rural

Marina Vaz. | FOTO: Anabel G. Simón.

O Grupo Provincial Socialista leva ao Pleno da Deputación unha iniciativa para que se incentive e facilite a conclusión de convenios para que os establecementos sociosanitarios ourensáns compren os medicamentos en farmacias do seu propio concello.

"A situación da farmacia rural é crítica en moitos casos e, á luz da súa importancia e polo ben da provincia, precisamos artellar medidas que melloren as condicións destas, facéndoas viables e estables economicamente", destaca Marina Vaz, deputada socialista e concelleira no Riós.

"Ben que a situación da farmacia rural é delicada, tal e como nos corroboran desde o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense, nós mesmo temos constatado casos nos que establecementos como residencias de anciáns, que dependen dos preceptivos acordos con instancias públicas e a supervisión das autoridades competentes, realizan as súas compras de medicamentos fóra dos concellos onde desenvolven a súa labor, e mesmo fóra da provincia de Ourense!", subliña Vaz.

Vaz explica como, "despois de reunirnos cos profesionais do sector, analizar a lexislación vixente e os diferentes ámbitos de competencias das diferentes administracións, concluímos que o máis realista e inmediato é ver de asentar que as compras de medicamentos destes establecementos se fagan dentro do propio concello, garantindo a viabilidade de moitas farmacias do noso rural".

Un servizo esencial en apuros

Das case que 1.400 farmacias que hai en Galicia, en Ourense hai arredor de 190 unidades, sendo a súa capilaridade fundamental nunha provincia marcada pola dispersión xeográfica e cunha poboación en idade avanzada.

Integrantes do Grupo socialista na Deputación de Ourense.

Segundo Vaz, "as farmacias rurais adoitan desenvolver un importantísimo rol social, xa que os farmacéuticos son figuras próximas á comunidade, que coñecen ben as súas entornas e aos seus veciños, ofrecendo non só axuda e consello médicos, senón tamén apoio emocional".  "En zonas con poboacións moi envellecidas e esparexidas este tipo de relacións humanas son chave para a cohesión social e o benestar xeral da veciñanza", estima Vaz.

"Amais, na súa condición de servizo esencial, as farmacias rurais contribúen a paliar o éxodo cara cidades e vila, axudando a súa mera existencia a reter aos residentes, sobre todo ás persoas maiores e quen dependen de atención e seguimento médico constante, cooperando á sustentabilidade destas pequenas comunidades", conclúe a deputada socialista na Corporación Provincial.