lunes. 20.05.2024
A ludoteca 'Oímbra Verán' 2021. | FOTO: Cedida
Oímbra Verán desenvolverá as actividades ó aire libre. | FOTO: Cedida

Xa está aberto o prazo para inscribir á cativada nas actividades de "Oímbra Verán 2023". Este ano, o campamento de ocio educativo desenvolverase dende o 26 de xuño ata o 1 de setembro, cun equipo de profesionais especializados que atenderán ós nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 16 anos, empadroados no Concello de Oímbra.

Como novidade, este ano Oímbra Verán 2023 ofrecerá clases de música. Ó longo do verán, a cativada terá oportunidade de ter días de convivencia coas persoas maiores no Centro de Día, percorrer os lagares rupestres, divertirse na piscina municipal e realizar actividades deportivas e educativas.

Non poden ter mellor base que a Carballeira de Oímbra, lugar no que se realizarán xogos e actividades en contacto directo coa natureza, respectando a súa contorna e o medio natural. Dende o Concello de Oímbra, buscan "pór en valor o ocio educativo traballando sobre os recursos patrimoniais e naturais, a historia, as tradicións e as festas específicos do concello", afirmaba a súa alcaldesa, Ana Villararino.

Co obxectivo de facilitar unha alternativa de lecer educativo de calidade nun entorno cercano, cómodo e divertido, búscase facilitar a conciliación da vida laboral e familiar nun período vacacional tan longo. Combinando a aprendizaxe, o xogo e a relación cos seus semellantes, búscase potenciar valores como a igualdade, o compañeirismo, a amizade e a cooperación, así como o sentido da responsabilidade individual e de grupo.

NOTICIAS VERÍN | Oímbra Verán pon en valor o ocio educativo