Recibirá 4.000 euros do Plan de mellora de bibliotecas escolares

NOTICIAS VERÍN | O cole de Laza renova a súa biblioteca para convertela nun espazo de lecer e aprendizaxe

A biblioteca escolar do CEIP O Castiñeiro leva organizado diversas actividades para o alumnado. | FOTO: CEIP O Castiñeiro.

O CEIP O Castiñeiro de Laza foi seleccionado neste curso escolar para intregrarse no Plan de mellora das bibliotecas escolares impulsado pola Consellería de Educación. É un dos 25 centros educativos galegos que se incorporan este ano ao plan e recibirá un total de 4.000 euros para renovar a súa biblioteca co obxectivo de transformala nun espazo de lecer e aprendizaxe.

A incorporación ao plan supón que o colexio terá a oportunidade de actualizar os fondos documentais -concepto para o que recibe 1.100 euros-, renovar o mobiliario e adquirir equipamentos necesarios -contará con 2.050 euros-, ademais de cubrir os gastos de funcionamento -con 850 euros de dotación económica-. O Plan de mellora de bibliotecas escolares facilita recursos, formación e obxectivos comúns.

O profesorado do CEIP O Castiñeiro de Laza xa comezou coas obras de mellora.

 

O profesorado do CEIP O Castiñeiro xa está mans á obra; comezaron coa retirada de mobiliario antigo, a colocación de tarima e o pintado da biblioteca. Segundo sinala o seu director, Juanlu Rivero: "Este logro non só representa un recoñecemento ao esforzo e dedicación do colexio e do seu profesorado, en especial durante os tres últimos cursos, senón tamén unha oportunidade única para enriquecer a experiencia educativa dos nosos alumnos e fomentar un ambiente de aprendizaxe inclusivo e actualizado".

Renovarase parte do mobiliario e do equipamento e xa están pintando a biblioteca escolar.

 

A compra dos novos fondos levarase a cabo, preferentemente, nas librarías da zona de referencia do centro, e incluirá materiais destinados á atención da diversidade. Ademais, a multiculturalidade e as diversas linguas presentes no centro serán adecuadamente contempladas, asegurando que o 50% dos materiais adquiridos sexan en galego. Tamén se poderá mercar mobiliario específico e adaptado ás necesidades da comunidade educativa.

Apoio a programas para incrementar o éxito escolar

Dende o centro destacan que unha biblioteca activa e renovada ofrece oportunidades para que alumnado e profesorado melloren a calidade dos procesos de aprendizaxe. Deste xeito, convértese nun apoio imprescindible no desenvolvemento doutros programas do centro que poidan contribuír ao incremento do éxito escolar.

Como sinala a encargada da biblioteca do CEIP O Castiñeiro, Carolina Palomanes: "A partir de agora temos a posibilidade de participar en programas como a Radio na Biblio, Biblioteca Creativa, Bibliotecas Solidarias.... Que se unen a outros programas dos que xa participa o centro como son O Club de Lectura co noso club O Castiñeiro de Papel".

Alumnado do CEIP O Castiñeiro promove o fomento á lectura en Laza repartindo libros polos bares da localidade.

Estas actividades súmanse a outras moitas que xa teñen en marcha na biblioteca do CEIP O Castiñeiro. "Temos realizado outras actividades como Contacontos, participación dos pais nos Patios Dinámicos, actividades dos Contratos Programa CP Inclúe e, no curso pasado, fomento da lectura entregando libros polos bares do Concello de Laza con libros do expurgo da nosa biblio co proxecto Barchilas Viaxeiras", explica Carolina Palomanes.