Ata 66 establecementos quixeron, nesta edición, estar presentes nunha nova edición da Feira do Lázaro que esta fin de semana manterá animadas as rúas da vila de Verín.
O certame arrincaba este sábado, pouco despois das 11:00 horas, coa visita das autoridades locais e comarcais, que se converteron nos primeiros visitantes dun recinto feiral sen a buvette promocional das augas e o demandado, pero caro, túnel do viño da D.O. Monterrei.
Así, con máis espazo dispoñible, o pavillón polideportivo quedou convertido nun grande centro comercial con notable presenza lusa e onde os obxectos feitos a man terán, na fin de semana, un gran protagonismo.
Non faltaron, nesta xornada sabatina, os obradoiros, as experiencias sensoriais, as competicións deportivas e ata a ampla exposición de vehículos novos e de ocasión, que presidía a rúa Irmáns Moreno de Verín.
Velaquí unha pequena e primeira escolma da xornada inaugural da feira do Lázaro.