FOTOGALERÍA | Tarde de portas abertas nas adegas de Oímbra

FOTOS: Noelia Caseiro.

Nun dos vértices do triángulo máxico, Oímbra, os veciños trasladaron esta tarde de luns a festa do Entroido das rúas ás adegas. A pequena localidade celebrou o seu tradicional e concorrido 'luns de adegas', onde preto dun centenar de veciños abriron a curiosos e visitantes as súas adegas (garaxes e baixos incluídos) para ofrecer un festín culinario a base de produtos gastronómicos do porco e doces típicos da zona, regados cun bo viño da terra.

Non faltou a música de charanga, elemento imprescindible nos Entroidos de rúa. Desta foron BCB e NBA as encargadas de darlle ritmo aos asistentes

Este martes Oímbra pon fin aos festexos entroideiros. Ás 17:00 horas está prevista a saída dos fachucos ata a praza. Alí haberá música e cea de balde. Coa queima dos fachucos, rematará o Entroido no concello olimbriguense.