É un dos obxectivos marcados dende o goberno bipartito municipal: mellorar o aproveitamento e a xestión da superficie forestal e dos montes para ofrecer oportunidades de emprendemento e incrementar os beneficios económicos; ó tempo que se traballa na xestión da biomasa para a loita contra os incendios.
Neste sentido, Eva Pérez Gamote, alcaldesa de Vilardevós, subliñaba que a súa intención é: "Trasladar á Consellería do Medio Rural a necesidade dun polígono agroforestal para a xestión da biomasa do concello porque está terrible". Vilardevós xa conta cun convenio con Medio Rural para a limpeza das faixas, pero o compromiso do Concello vai máis aló.
É un traballo difícil actualizar as comunidades de montes, pero moi necesario
Xa hai un mes, Eva Pérez mantiña un primeiro contacto cos presidentes das Mancomunidades de montes, coas asociacións e con representantes daquelas aldeas que non teñen creada entidade algunha para a xestión das masas comunais. Son os primeiros pasos dunha liña de traballo para poñer en valor os montes e terreos forestais e para xestionar a biomasa.
Unha primeira reunión na que quedaba de manifesto os problemas que existen en Vilardevós en canto á xestión dos terreos comunais. Dende o Concello xa se está axudando na actualización dos estatutos e do censo de comuneros. "É un traballo difícil actualizar as comunidades de montes, pero moi necesario", subliñaba Eva Pérez.
Charla informativa
Nesta liña de traballo para poñer en marcha un plan comunitario que permita incrementar a rendibilidade dos montes do municipio, ó tempo que mellora a xestión da biomasa ante o perigo de incendios, o venres celebrábase unha charla informativa dirixida ás Mancomunidades de Montes e a persoas propietarias de piñeiras e terreo forestal.
Un encontro no que participaban dúas empresas especializadas no aproveitamento para resina e de ordenación do monte que explicaron como darlle valor engadido ás masas forestais de piñeiros e da importancia dunha boa ordenación do monte para a loita contra os incendios.
Dende o Concello de Vilardevós traballan no compromiso coas Mancomunidades de Montes e cos propietarios, buscando financiamento a través das administracións e concienciando á veciñanza de cara a facer polígonos agroforestais ou parcelarias.