sábado. 04.05.2024
DHI CABREIROA CHINQUENA 2023-38
O Trofeo Federación DHI Cabreiroá celebrarase esta fin de semana.

O Club Deportivo Bicicletas Chinquena Racing Team organiza a segunda edición do Trofeo Federación DHI Cabreiroá co patrocinio do Concello de Verín. Máis de 200 riders daranse cita os días 27 e 28 de abril no monte Montemaior en Cabreiroá, poñendo a proba as súas habilidades e servindo de escaparate para o que por moitos xa é considerado un dos mellores circuítos de España. Un evento deportivo que conta co apoio da Real Federación Española de Ciclismo, Federación Galega de Ciclismo e Xunta de Galicia.


O evento foi presentado por Manuel Sanmamed, membro da directiva do Club Deportivo Bicicletas Chinquena Racing e responsable de Seguridade do circuíto; e contou coa presenza de Diego Lourenzo, tenente de alcalde e concelleiro da área de Deportes, Julio Viéitez, concelleiro de Servizos Públicos, e Manuel Pérez, delegado provincial de Deportes da Xunta de Galicia. "En nome do Concello de Verín", salientou Diego Lourenzo, "quero expresar o meu máis sincero agradecemento aos organizadores desta proba que, coa súa dedicación e esforzo, fixeron posible un evento deportivo de primeiro nivel que enriquece a nosa comunidade e promove un estilo de vida saudable".

Na súa intervención, o concelleiro de Deportes quixo destacar especialmente o valor da internacionalización desta competición "que pon a Verín no mapa, posicionándoo como un destino de referencia para eventos deportivos de alto nivel". A competición, a única en España que ten carácterer internacional na súa categoría (UCI-C2), está rexida pola normativa nacional e disputarase os días 27 e 28 de abril no circuíto de descenso de Cabreiroá, que ten unha lonxitude de 1,78 km e un desnivel de 340 metros. Cabe destacar tamén que esta proba é a única do calendario nacional que outorga puntos para a Copa do Mundo. "Este carácter internacional da mesma atraerá a Vila do Tamega corredores de todas as partes do mundo", salientaron desde a organización.


Para participar é necesario contar coa licenza federativa de competición. As categorías da proba son: Elite UCI, Sub 23, Junior, Cadete, Infantil, Master 30, 40, 50 e 60, tanto para homes como para mulleres. Toda a información, detalles do recorrido do circuíto e normas de seguridade, entre outros aspectos, están dispoñibles na web da Federación Galega de Ciclismo.

Programa

Venres, 26 de abril

  • 15:00 - 19:00h: Revisión a pé do circuíto.

Sábado, 27 de abril

  • 8:00 - 14:15h: Retirada de dorsais
  • 9:00 - 11:00h: Entrenos oficiais grupo B/
  • 11:15 - 13:15h: Entrenos oficiais grupo A
  • 15:15 - 17:15h: Entrenos oficiais grupo B
  • 17:15 - 19:15h: Entrenos oficiais grupo A

Domingo, 28 de abril

  • 7:30 a 8:30h: Entrenos oficiais
  • 8:45 a 9:00h: Presentación
  • 9:00 - 11:30h: Descenso clasificatorio
  • 12:00 - 14:30h: Descenso final
  • 15:00 - 15:30h: Entrega de premios

NOTICIAS VERÍN | Cabreiroá volve acoller a Copa de España DHI Pozo do Demo